CD Barco 2 – 0 CD Ribadumia

[ ⚽️  Vera, min. 2; ⚽️  Juanito Bazo, min. 13]

Crónica de Xabier R.A. (Galego)

Solventan con éxito os do Barco o seu compromiso como locais e conseguen deste xeito encadear unha xeira positiva con tres vitorias consecutivas.
O partido púxolles moi cedo de cara aos de Manolo Pérez na acción levada por Antonio Vera que supuxo o temperán gol dos valdeorreses. Sen tempo case pra quecer chegou a tentativa de réplica no bando visitante, ben anulada por Iván Oviedo no min. 6. E pouco despois, co enfrontamento moi vivo, chegou o segundo tanto local nunha boa combinación arriba que rematou con contundencia Juanito Bazo. Malia os dous golpes recibidos os das Rías Baixas seguiron buscando as súas opcións de nivelar a contenda. A mellor unha dobre ocasión no min. 30, con dous trallazos seguidos a poucos metros da liña de gol que tivo unha soberbia resposta no gardamallas Oviedo con senllas paradas incríbeis. Simplemente espectacular! E antes de iren aos vestiarios outra acción dun moi activo nesta xornada Juanito Bazo estivo a piques de sumar o terceiro dos vermellos.
Na segunda metade os de Valdeorras seguiron levando o control e o peso do partido, mentres os pontevedreses se foron esvaecendo pouco e pouco. Os primeiros minutos foron intensos pra os da casa que buscaban un terceiro gol que pechase definitivamente o partido. Logo de dúas ocasións a opción máis clara chegaría no min. 66, nunha pena máxima que lanzou David Álvarez e atallou moi ben Roberto Pazos. Aínda insistiron os de Pérez, con lanzamentos dende a frontal do propio David no min. 79 e, máis tarde, de Rubén García no 85, sen consecuencias. Foi o epílogo a unha historia que xa tiña escrito o final, mentres se ía apagando aos poucos.

Texto e imágenes de Xabier R.A. <<Facebook>>