CD Barco 2 – 0 CD Pontellas

[ ⚽️  Rodri, min. 18; ⚽️  Óscar Martín, min. 27]

Crónica de Xabier R.A.

Reencóntranse coa vitoria os de Manolo Pérez e, por parte, fano acadando o primeiro triunfo como locais nesta atípica campaña 2020/21. O partido transcorreu con relativa tranquilidade pra os valdeorreses, en boa medida grazas á vantaxe gañada na primeira media hora de xogo e que, no cómputo global dos noventa minutos regulamentarios, entendemos como curta polo visto sobre o campo. O cadro local mandou e controlou na primeira metade, buscando a meta defendida por Aarón sen necesidade de pisar moito o acelerador. O primeiro tanto da tarde chegou logo dun pase de Vera que Rodri Alonso, moi atento, atinou a empurrar ao fondo das redes. Só dez minutos máis tarde os valdeorreses farían o segundo por medio dun Óscar Martín que, aos poucos, vai deixando pegada da súa calidade entre o público de Calabagueiros. Coa cousa ben encarreirada, e moito partido aínda por diante, os de vermello seguiron a levar a iniciativa, salientando algunha acción a balón parado coa que David Álvarez buscou a porta rival. Xa no segundo tempo o cadro porriñés quixo dar un pasiño máis á fronte e arrimouse con intención até á área de Iván Oviedo, aínda que lle durou poucos minutos o intento de reacción. Un balón ao pau e unha parada sen moitos apuros pra o porteiro valdeorrés son o saldo dos visitantes nesta fase. Logo o cadro barquense fíxose outra vez coa batuta e, tras o ronsel de cambios realizados, puxo de novo a proba o gardamallas pontevedrés en varias accións. Mesmo no min. 73 viu como lle era anulado un gol anotado por Juanito Bazo nun remate acrobático. Tamén houbo novas ocasións en lanzamentos dende lonxe, ou a reclamación da pena máxima por mans dentro da área visitante, sen maiores consecuencias. Finalmente, logo dunha oportunidade nos pés de Carlos Cruz no min. 84, os do Porriño tiveron tamén a súa nun disparo ao bordo do tempo cumprido ao que respondeu Iván Oviedo con seguridade.

Texto de Xabier R.A. e imagenes de Sandra G. <<Facebook>>